En este momento estás viendo Morriña proclámase como gañadora no I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana

Morriña proclámase como gañadora no I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana

Tal e como indicou o xurado, a elección foi difícil debido á calidade das obras presentadas

A obra gañadora do I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana foi Morriña. O acto, aberto ao público en xeral, tivo lugar na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC e contou coa asistencia de todas as persoas participantes.

Nunha primeira parte da actividade proxectáronse as catro curtas que optaban ao premio, as cales trataron de maneira creativa e diversa a temática proposta nesta primeira edición: a realidade emigrante das mulleres galegas a través dunha institución xa simbólica, o Hospital Hijas de Galicia da Habana, que vén de celebrar o seu 100 aniversario. As curtas presentadas foron Un futuro para elas, de Carlos Estraviz Cereijo; María non chores máis, de Angela Paola Nieto Guarín e Rodrigo Álvarez Nosewicz; Más allá de la censura de Mencía López González e Morriña de Daniel Sabucedo Sequeiros.

A segunda e última parte do acto foi a proclamación do fallo por parte do xurado, composto polo guionista Roberto G. Méndez, o actor Antonio Mourelos e a xornalista María Xosé Porteiro, especialistas do eido audiovisual e da realidade emigrante galega en América. Resaltaron a dificultade na elección da curta gañadora debido á orixinalidade e calidade de todas elas, mais finalmente o galardón foi para Morriña.

A directora da Cátedra, María Cadaval, fixo tamén fincapé na calidade das curtas e animou ao alumnado asistente a presentarse na vindeira convocatoria destes premios. Ademais, agradeceu a participación do xurado, os xa mencionados Roberto G. Méndez, Antonio Mourelos e María Xosé Porteiro, e o labor de Nuria García na organización, así como a asistencia do público, e agarda que estas actividades continúen a fortalecer a conexión de Galicia coa realidade iberoamericana. Por outra banda, comunicouse aos asistentes e participantes que era moi posible que proximamente se proxecten os traballos ao outro lado do océano, onde diversas institucións ficaron moi interesadas coa proposta da Cátedra e das curtas presentadas.