Morriña proclámase como gañadora no I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana

Tal e como indicou o xurado, a elección foi difícil debido á calidade das obras presentadas

 Proclamouse a obra gañadora do I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana, Morriña. O acto, aberto ao público en xeral, tivo lugar na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC e contou coa asistencia de todas as persoas participantes.

Nunha primeira parte da actividade proxectáronse as catro curtas que optaban ao premio, as cales trataron de maneira creativa e diversa a temática proposta nesta primeira edición: a realidade emigrante das mulleres galegas a través dunha institución xa simbólica, o Hospital Hijas de Galicia da Habana, que ven de celebrar o seu 100 aniversario. As curtas presentadas foron Un futuro para elas, de Carlos Estraviz Cereijo; María non chores máis, de Angela Paola Nieto Guarín e Rodrigo Álvarez Nosewicz; Más allá de la censura de Mencía López González e Morriña de Daniel Sabucedo Sequeiros.

A segunda e última parte do acto foi a proclamación do fallo por parte do  xurado, composto polo guionista Roberto G. Méndez, o actor Antonio Mourelos e a xornalista María Xosé Porteiro, especialistas do eido audiovisual e da realidade emigrante galega en América. Resaltaron a dificultade na elección da curta gañadora debido á orixinalidade e calidade de todas elas, mais finalmente o galardón foi para Morriña.

A directora da Cátedra, María Cadaval, fixo tamén fincapé na calidade das curtas e animou ao alumnado asistente a presentarse na vindeira convocatoria  destes premios. Ademais, agradeceu a participación do xurado: Roberto G. Méndez, Antonio Mourelos e María Xosé Porteiro; e a labor de Nuria García na organización, así como a asistencia do público e agarda que estas actividades continúen a fortalecer a conexión de Galicia coa realidade iberoamericana. Por outra banda, comunicouse aos asistentes e participantes que era moi posible que proximamente se proxecten os traballos ao outro lado do océano, onde diversas institucións ficaron moi interesadas coa proposta da Cátedra e das curtas presentadas.

Morriña de Daniel Saucedo Sequeiros

Más allá de la censura de Mencía López González

María non chores máis de Angela Paola Nieto Guarín

 

Un futuro para elas de Carlos Estraviz Cereijo